CONTOS DES-IGUAIS

Coma vimos facendo nos últimos cursos colaboramos na Semana de Acción Mundial pola Educación . Este ano 2014 será baixo o lema "Sumemos capacidades. Polo dereito a unha educación inclusiva".



Na sociedade, cada quen é diferente dos demais. A educación ten que dar a oportunidade a cada neno e nena do mundo de alcanzar un nivel aceptable de coñecementos baseado nas súas propias características, intereses e capacidades e os sistemas educativos deben ser deseñados de modo que teñan en conta toda esa gama de necesidades de aprendizaxe. Deste xeito a educación beneficia a todas as persoas, ensina a todo o alumnado a apreciar a diversidade, combate a discriminación e promove sociedades máis xustas


Hai uns días os nenos e nenas de cuarto de primaria desfrutaron dunha sesión de contos realizada por Bea Campos dentro do proxecto de sensibilización "Des-Iguais" que busca fomentar entre a cidadanía actitudes de respecto cara á diversidade cultural.
A través dunha ferramenta como é o conto que existe en todas ás culturas do mundo preténdese transmitir e traballar valores interculturais co alumnado.
Os contos foron os seguintes:
Bailar nas Nubes:
Ata os soños máis remotos se poden facer realidade. Mentres se perseguen aprendemos sobre interculturalidade e convivencia, rodeados do colorido deste álbum que bebe das fontes do folclore latinoamericano.
O nacemento do Dragón:
Esta obra bilingüe galego-chinés mandarín, que conxuga literatura, caligrafía e ilustración, conta a orixe desta criatura mítica, creada en tempo inmemorial polos nenos e nenas das diversas tribos chinesas que grazas a súa imaxinación crearon esta criatura para mediar entre os conflitos dos maiores. Por esta razón o Dragón é un símbolo de paz moi importante na cultura chinesa.
Os de arriba e os de abaixo:
Hai mundos que conviven, comparten costumes e se complementan, coa única diferenza de que os acontecementos transcorren en planos opostos... que se dobran, poden atoparse e coincidir. Un libro para ler do dereito ou do revés, a gusto do lector; ideal para compartir a dúas bandas
Os Sacapenas:
Os sombreiros, os zapatos, as nubes, a chuvia, os paxaros xigantes... Bieito vive amolado polos seus temores, pero a súa avoa ten unha solución. O segredo está nuns bonecos orixinarios de terras lonxanas: Os Sacapenas.
A Banda de Vilacendoi:
A música envolvía cada recuncho da aldea galega de Vilacendoi, pero o despoboamento acabou coa algarabía das noites de festa. Maxia e nostalxia, emigración e inmigración, futuro e esperanza, na aldea dos teus soños.
Todos estes contos podedes encontralos na nosa biblioteca. 



Agora cada unha das clases de cuarto está traballando na súa aula coas diferentes historias.