VISITA DE ROQUE CAMESELLE


Roque Cameselle volveu ao colexio esta vez para falarnos de como se fixo "O pequeno mago". Nunha hora condenseu o traballo de cinco anos, que foi o tempo que lle levou a él e ao seu equipo rematar o proxecto. 
Explicounos que facer unha longametraxe de debuxos animados é moi complicado: Primeiro pártese dun texto. Él adaptou a súa novela "Bieito Dubidoso" e reescribiuna en forma de guión cinematográfico. Logo hai que facer os debuxos, nun proceso parecido ao do cómic, pero moito máis laborioso, posto que para que poidamos ver movemento na película hai que ter preparados vintecatro debuxos por segundo. Tiveron que facer máis de cen mil debuxos e traballaron nesta parte unhas trescentas persoas, que os fixeron a man. Despois prepararon fondos pintados con acuarelas e finalmente usaron o ordenador para engadir cores e efectos especiais. Falounos tamén da ambientación da película, que como sabedes, se desenvolve na cidade de Tui, e do deseño dos traxes que levan postos os protagonistas. Para todo isto tivo que buscar moita documentación, pois todo sucede na época medieval.
Durante as explicacións, estivemos vendo diversos fragmentos e comprobando como o que nos ía contando Roque se convertía en debuxo animado.
Agora xa sabemos canto traballo hai detrás dunha película. Dámoslle as grazas a Roque e felicitámolo polo seu traballo.