OS SOÑOS NA GAIOLA


Títeres Alakrán e o dramaturgo e director Roi Vidal quixeron facer unha homenaxe ao poeta Manuel María no ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, coa adaptación da obra “Os soños na gaiola”.



Onte tivemos a sorte de poder vela no teatro da Área Panorámica.



Esta é a sinopse da obra:

Un titiriteiro chega cunha gaiola cargada de soños. É acompañado polo poeta Manuel María transformado  en  monicreque, que quere  que  o  titiriteiro  represente  os  poemas  que el escribiu para divertir aos nenos e nenas galegos. 

Para facelo, o titiriteiro pídelle aos integrantes do público que sopren forte para lle axudaren a facer nacer a Alicia, a nena protagonista desta historia.

Alicia vive unha serie de aventuras nunha viaxe por un mundo que lle resulta exótico, estraño, e mesmo imcomprensible. Ao comezo da súa andaina, Alicia atópase co Río Miño, que  ten  présa  por  realizar  unha  importante  misión  que  lle  foi encomendada:  atravesar  Galicia  antes  de chegar ao mar. 

Pola confusión do nome, o Río Miño intenta atravesar a Alicia, mais ela acláralle que para ser Galicia falta un G que non ten.

A partir  deste  momento,  e  subida nun Barco de Xoguete Voador,  Alicia  intentará axudar ao Río Miño a encontrares a esa Galicia que tanto busca.

No seu camiño crúzase con extravagantes seres como o Gaiteiro Soñador, o Muíño Triste, os Labregos Xemelgos ou o Galo Gai, que  lle  van  dando  pistas.

O problema é que a maioría destas pistas son adiviñas misteriosas ou versos poéticos que Alicia vai ter que descifrar para saber que diantres é Galicia e onde está agochada…


O espectáculo foi unha forma distinta de achegar a obra de Manuel María aos nenos nenas grazas aos recursos escénicos e dramatúrxicos que proporciona o teatro de títeres. Destacou ademáis a presencia da música, grazas a cal poemas como O Soñador, Galicia ou O Río convertéronse en cancións que foron seguidas con palmas polos nenos e nenas.