VISITA DE MIGUEL PORTO



O venres visitounos Miguel Porto, que é escritor e debuxante de cómics. Miguel empezou a facer tebeos  moi novo xunto aos seus amigos. Gañou varios concursos de banda deseñada e participou en varios proxectos galegos e tamén en revistas de ámbito nacional.
Ademais tamén traballa coma ilustrador, colaborando en libros infantís e xuvenís para editoriais como Anaya, Santillana, SM ou Edelvives.





Actualmente, entre outras cousas,  colabora na revista infantil Oink!, que é a única revista galega que se pode atopar nos quioscos para nenos e nenas entre 6 e 15 anos e na que hai bastantes páxinas dedicadas ao cómic. 
“Mouchos, Catuxa, sapos e bruxas” é o título da súa tira e a protagonista, Catuxa, é unha rapaza que obtivo os seus poderes máxicos ao ser bautizada con purpurina.


Miguel estivo toda a mañá no colexio e explicou aos nenos e nenas de primaria, os pasos que él segue para  crear un cómic.  Hai que empezar, dixo, polo guión, facendo un borrador onde quede escrita a historia que queremos contar. Logo fanse bosquexos de imaxes a partir de formas xeométricas, que iranse retocando, engadíndolles detalles e creando as situacións  ou as secuencias que desenvolvan a historia. 

Tamén falou das ferramentas que se poden usar para debuxar, aínda que recoñeceu que os profesionais na actualidade debuxan co ordenador. Os últimos pasos serían o entintado e  o coloreado.

Gustounos moito esta primeira aproximación que tivemos á creación de cómics da man dun experto na materia, que é, á vez, escritor e debuxante. Non sempre ocorre isto: moitas veces o que debuxa é unha persoa diferente da que escribe. Agora só queda que vos animedes a crear os vosos propios cómics tratando de seguir os seus consellos.