TUI LE: DÉCIMO ANIVERSARIO


O venres 10 de maio tivo lugar por décimo ano consecutivo unha edición do "TUI LE" na que participaron dez centros educativos do concello de Tui.

Houbo coma sempre diferentes actuacións: recitacións e recreacións poéticas (sobre textos de Rosalía ou Antonio García Teijeiro), dramatizacións (a partir do álbum ilustrado “Soños de Algodón” ou do relato “Así foi, doutor“ de Suso de Toro), regueifas (inspiradas en Agustín Fernández Paz), músicas diversas (cancións, versión en rap da obra teatral “Restaurante Farruco” …).



As intervencións abriunas Iria Misa, que falou da súa experiencia como escritora e lectora.

Outras actividades foron o intercambio de libros, un photocall (os grupos de cada centro poideron fotografarse baixo unha pancarta con alusións á X edición deste evento e a algunhas  das efemérides literarias deste ano) e unha exposición de carteis elaborados por escolares de cada un dos centros con creacións sobre distintos autores contemporáneos (Fraguas, García Teijeiro, Ledicia Costas, María Luisa Núñez, Anxo Fariña, Fina Casalderrey, Chus Pereiro, Agustín Fernández Paz e Iria Misa) e unha recreación do décimo aniversario do Tui Le, feita no noso colexio.


Ao longo da xornada máis de 500 alumnos/as e profesores/as fixeron visible que Tui ama a lectura e os libros porque, como dixo Antonio Fraguas: “Os libros son compañeiros infatigables, amigos sempre,  os máis nobres, os que distraen, os que che fan pensar, que é unha das cousas que hai que facer”.