HISTORIAS DOUTROS TEMPOS

Celebramos a Semana da Tradición Oral con Meli, Mª Luisa e Rogelia que volveron ao colexio para contarlles aos nenos e nenas  contos que escoitaron cando eran pequenas.


Unha das historias titulábase "A cabra Montesina". A protagonista era unha cabra moi mala que vai tragando a tódalas persoas que se achegan a ela, ata que unha pequena formiga consegue salvalos a todos. O conto ten moitas partes onde se di a mesma cantinela que os nenos e nenas estiveron encantados de repetir unha e outra vez.

A outra historia foi a romanza titulada "A infanta do reino de Canela". Unha romanza é unha historia que se canta. Na que escoitamos cantada por Rogelia, unha infanta, cansada de escoitar aos seus conselleiros a conveniencia de casarse, pon como condición que só o fará con aquel que lle traia un mirlo de cor branca. Ao final, alguén o consegue, pero facendo unha trampa.

Para a maioría dos nenos e nenas de primaria foi toda unha sorpresa escoitar un conto relatado desta forma.

Os de Infantil tiveron a sorte de escoitar o conto da cabra narrado por Meli e escenificado por Mª Luisa e Rogelia. Aquí tedes algunhas fotos do ben que o pasaron no salón de actos.



MOITAS GRAZAS ÁS TRES POR FACERNOS DESFRUTAR TANTO !!!