PREMIO NACIONAL DO CÓMIC PARA UN GALEGO


O cómic galego está de noraboa. Cada vez hai máis autores de prestixo e os seus traballos alcanzan grandes recoñecementos pola súa calidade.

É o caso de Miguelanxo Prado, que o día 31 de outubro, foi galardoado polo Ministerio de Cultura co Premio Nacional do Cómic 2013 pola súa obra "Ardalén", publicada por Norma Editorial no ano 2012, tanto en castelán coma en galego.

No seu fallo, o xurado destacou o "carácter poético da súa obra, que mestura a realidade co sono, a memoria e o esquecemento, e a súa mestría técnica no uso da cor".

Miguelanxo Prado comentou que o nivel dos autores de cómic "é magnífico" e engadiu que o cómic español se encontra "nun momento de efervescencia e madureza creativa". "O cómic español está a vivir a súa Idade de Ouro", declarou minutos despois de coñecer que fora premiado.

A obra xa gañou este ano tamén o premio á Mellor Obra dun Autor Español no Salón do Cómic de Barcelona e agora completa o seu éxito co premio máis importante do medio a nivel oficial.

A Miguelanxo Prado seguro que o coñecedes todos polos seus debuxos pois é o creador de Xabarín, o coñecido personaxe da Televisión Galega.

Das moitas obras de Miguelanxo recomendámosvos que leades o cómic "Pedro y el lobo" que está dirixida a nenos e nenas a partir de oito anos.