CLASE DE CINE CON ISABEL DE OCAMPO



A semana pasada visitounos Isabel de Ocampo que, como sabedes, é directora de cine. Isabel falounos da súa profesión, contounos en que consiste o seu traballo e tamén que para facer unha película é necesario que interveñan moitos outros profesionais: produtores, guionistas, actores, axudantes de dirección, encargados do decorado, do atrezzo, do vestiario, perruqueiros e maquilladores, cámaras, encargados da iluminación, do son, da fotografía, etc … unha lista moi longa que podemos ver no final das  películas.
Deixounos moi claro que no cine todo é ficción, pero ten que parecer de verdade. O traballo dos  actores ben dirixidos consegue facer crible a historia. Tamén axudan certos trucos pensados para “enganar” aos espectadores e facelos crer que o que están vendo está pasando na realidade. Por exemplo, a maneira de iluminar é moi importante e puidemos comprobar como un dos nosos compañeiros se convertía nun personaxe moi sinistro só iluminando a súa cara desde abaixo. Os sons que escoitamos, a música de fondo … fixeron que sentísemos que algo malo podía pasar. Pero nada era certo. En canto se acenderon as luces de novo todo volvía a ser normal.
Isabel quixo rodar connosco algunhas secuencias. Elixiu a unha actriz, a un cámara, a un encargado de son,  a un iluminador, a un encargado do atrezzo, a un claquetista e comezou a rodaxe.
A encargada da claqueta dixo: Escena 1, proba 1, plano 1, toma 1. O encargado de son dixo: Gravando. O cámara dixo: Rodando. O encargado da música dixo: Preparado. A directora dixo: Acción.
Nese momento en total silencio e vendo todo o que sucedía a través dunha pantalla deixamos que a actriz fixese o seu traballo. Ata tres tomas da mesma secuencia tivo que rodar ata que Isabel aceptase a escena como boa.
Encantounos participar neste minirodaxe. Foi unha gran sorte poder aprender dunha directora de cine que xa ten un dos premios máis importantes do cine en España: o Goya. Conseguiuno no ano 2009 pola curtametraxe de ficción “Miente”. Hai uns días entregáronse os premios deste ano. Se queredes saber cales son premede AQUÍ. No enlace poderedes ver  coma unha intérprete en lingua de signos conta para toda a comunidade xorda o que aconteceu durante toda a gala.

Isabel rematou a súa estancia no colexio contestando amablemente a tódalas preguntas que os nenos e nenas lle quixeron facer.
MOITÍSIMAS GRAZAS!!!

Nesta presentación recórdanvos  cal foi a primeira película que se fixo na historia, a primeira que tivo son, a primeira que tivo cor ..., os xéneros que existen, os premios máis importantes, algúns obxectos e profesións imprescindibles, algunhas pelis que hai que coñecer.