As bibliotecas escolares galegas viviron importantes
transformacións nos últimos anos, grazas ao esforzo conxunto de comunidades
educativas e administración, nunha tarefa que ten como finalidade ofrecer máis
e mellores instrumentos ao alumnado para a súa formación académica e persoal.
Estas transformacións non foron só físicas (moito profesorado afirma que a
biblioteca é o espazo máis fermoso do seu centro); o cambio máis importante é o
que se produce no centro educativo cando a biblioteca se activa, porque arredor
das súas propostas e dos seus recursos, da actividade que xenera e os apoios
que presta, botan a andar (ou cobran forza, asentándose) dinámicas de traballo
diferente, prácticas pedagóxicas máis activas, propostas máis colaborativas,
proxectos ilusionantes que axudan a construír coñecemento e a construír
comunidade tamén. As bibliotecas, ao renovarse e activarse, confírmanse como
aceleradores de innovación, de innovación educativa.
Fonte:Asesoría de Bibliotecas escolares de Galicia